BANCO AFRICANO DE DESENVOLVEMENTO (BAfD)
Ano de creación e composición:
- O Banco Africano de Desenvolvemento (BAFD) foi creado en 1964.
- O grupo BAFD está constituído por 3 organismos autónomos, o propio banco, o Fondo Africano de Desenvolvemento (FAFD), creado en 1973, e o Fondo Nixeriano de Investimentos (NTF), creado en 1976.
Membros:
- Conta na actualidade con 77 países membros, 53 rexionais e 24 non rexionais.
Estrutura:
- O órgano supremo do banco é o Consello de Gobernadores, no que participan todos os países membros, que se reúne unha vez ao ano para revisar as decisións de política xeral do banco e decidir sobre as novas liñas de actuación.
- O Consello de Administración, composto por 18 membros (dos que 6 non son africanos), que dirixe as operacións do banco.
- O presidente, elixido polo Consello para un período de 5 anos, renovable, que conta coa colaboración de 5 vicepresidentes.
- O banco conta con diversos departamentos funcionais: Secretaría Xeral, Asesoría Xurídica e Auditoría Interna, Departamento de Planificación e de Investigación, Departamento de Agricultura e de Desenvolvemento Rural, Departamento de Cooperación, Departamento de Infraestrutura e Industria, Departamento de Tesourería, Departamento de Contabilidade, Departamento de Persoal e de Formación, Servizos Administrativos e Unidades Centrais de Proxectos e de Programación.
Área xeográfica de actuación:
- O seu ámbito de actuación xeográfica céntrase nos países do continente africano.
Estratexia institucional:
- En maio de 1999, o Consello de Gobernadores adoptou a Visión do Banco Africano de Desenvolvemento, que establecía as súas prioridades estratéxicas a longo prazo, encamiñadas a convertelo na institución financeira de desenvolvemento líder, dedicada a facilitar asistencia aos estados membros para conseguir un desenvolvemento sostible, no seu esforzo por promover un crecemento económico en apoio ás estratexias de redución da pobreza existentes.
- A partir desta Visión naceu un amplo consenso dirixido a compartir os Obxectivos de desenvolvemento do milenio, entre os que se atopan reducir o número de persoas que viven na absoluta pobreza á metade para o ano 2015, facilitando ao mesmo tempo un ámbito axeitado para a consecución dos resultados socioeconómicos desexados.
- O Plan estratéxico do banco para o período 2008-2012 céntrase nas seguintes áreas estratéxicas: infraestruturas, desenvolvemento do sector privado, gobernabilidade, educación superior e ciencia e tecnoloxía.
Tipo de operacións:
- O seu principal obxectivo é promover o crecemento económico sostible e a redución da pobreza en África.
- Para iso, financia programas e proxectos de desenvolvemento en forma de empréstitos ao sector público e ao sector privado; investimentos en capital; asistencia técnica; así como doazóns para asistencia humanitaria de emerxencia, e noutros casos especificamente previstos.
- Os seus fondos proceden das cotas dos seus membros, do financiamento que obtén nos mercados internacionais de capitais e dos beneficios obtidos nas súas operacións tanto de empréstitos coma das colocacións que realiza nos mercados de capitais.
Principais sectores de actuación:
- Obras públicas, proxectos industriais, agrícolas, de transporte e de desenvolvemento social, con certa tendencia a dar prioridade ao desenvolvemento de infraestruturas rurais e agrícolas.
Volume de operacións:
- No ano 2009, o BAFD concedeu empréstitos por un importe total de 12.679 millóns de dólares, máis do dobre da cantidade concedida no 2008. O 52,1% dos préstamos concedidos destináronse a proxectos de infraestruturas.