BANCO INTERAMERICANO DE DESENVOLVEMENTO (BID)

  • Ano de creación e composición:
    • O Banco Interamericano de Desenvolvemento foi creado en 1959.
    • O Grupo do Banco Interamericano de Desenvolvemento comprende tamén outras institucións, como o Fondo de Operacións Especiais (FOE), a Corporación Interamericana de Investimentos (CII) e o Fondo Multilateral de Investimentos (FOMIN).
  • Membros:
    • Está composto por 48 países, dos cales 26 son prestameiros na rexión.
      Estrutura:
    • O BID está dirixido pola Asemblea de Gobernadores, que delega a supervisión das operacións do banco no Directorio Executivo.
    • Os labores cotiáns do BID están a cargo dun equipo de xerencia.
    • Cada país membro nomea un gobernador, sendo o seu poder de votación proporcional ao capital que o país teña subscrito ao banco.
    • Os directores executivos desempeñan as súas funcións na sede do BID en Washington D.C., e son designados por períodos de tres anos.
    • O presidente do BID, elixido pola Asemblea de Gobernadores por un mandato de cinco anos de duración, é quen dirixe as actividades diarias da organización e fai de representante legal da institución, acompañado da asesoría dos cinco vicepresidentes nas tarefas cotiás.
  • Área xeográfica de actuación:
    • O seu ámbito de actuación xeográfica céntrase en América Latina e o Caribe.
  • Estratexia institucional:
    • O Directorio Executivo do BID aprobou en 1999 a súa estratexia institucional
    • Esta estratexia contén as prioridades e as actividades que deben realizarse para cumprir con aquelas.
    • Os seus obxectivos xerais son:
      1. Crear e soster unha política e un marco de investimento encamiñado a lograr un sólido crecemento económico.
      2. Alcanzar niveis máis altos de desenvolvemento humano en todos os sectores da poboación, incluíndo os grupos e individuos tradicionalmente excluídos.
    • Estes dous obxectivos inclúen catro áreas nas que o banco centra os seus esforzos:
      • Desenvolvemento social, con énfase na redución da pobreza mediante o desenvolvemento económico sostible, a reforma educativa e iniciativas que promovan a inclusión social.
      • Competitividade, en especial con actividades que melloren a capacidade dos países para competir na economía global e fortalezan os seus sectores financeiros e os seus mercados de capital.
      • Integración rexional, incluíndo actividades para a integración subrexional, rexional e hemisférica.
      • Modernización do Estado, incluíndo os procesos de reforma do Estado e fortalecemento institucional, tanto a nivel nacional coma subnacional.
  • Tipo de operacións:
    • O Grupo BID financia programas de desenvolvemento en América Latina e o Caribe por medio de empréstitos, doazóns, garantías e investimentos.
    • Os empréstitos, doazóns e garantías financian proxectos de investimento públicos e privados, reforma de políticas, iniciativas para apoiar os países membros durante crises financeiras ou catástrofes, e operacións de cooperación técnica a escala nacional e rexional.
    • A maioría dos proxectos e programas de cooperación técnica do banco fináncianse con empréstitos a taxas de mercado ou con recursos concesionarios, e teñen termos e condicións estándares.
    • A institución outorga un número limitado de doazóns, principalmente ás microempresas.
    • O banco proporciona ademais garantías para empréstitos privados que axudan aos países prestameiros a ter acceso aos mercados internacionais de capital.
    • O BID inviste, ademais, en proxectos do sector da pequena empresa a través do Fondo Multilateral de Investimentos (Fomin), un fondo independente que administra o banco.
    • A Corporación Interamericana de Investimentos (CII), entidade que forma parte do grupo BID, tamén inviste na pequena e mediana empresa, directamente ou a través de fondos de participación no capital.
  • Principais sectores de actuación:
    • Enerxía, transportes e comunicacións, agricultura e pesca, investimento social, industria, minería e turismo, e reforma e planificación do sector público.
  • Volume de operacións:
    • Desde a súa creación ata fins de 2009 o Banco aprobara US$183.000 millóns en concepto de préstamos e garantías para financiar proxectos con investimentos que totalizaban máis de US$402.000 millóns, ademais de US$3.100 millóns en operacións non eembolsables e cooperación técnica de recuperación continxente. En 2009 os préstamos e garantías aprobadas polo Banco ascenderon a US$ 15.278 millóns.