OBRA SOCIAL CAIXA GALICIA
- A Obra Social de Caixa Galicia intervén co obxectivo de mellorar a calidade de vida da poboación por medio dun amplo abano de accións destinadas a fomentar a participación e o voluntariado, a achegar as novas tecnoloxías ao conxunto da poboación, contribuíndo á formación e á integración de nenos e mozos, realizando accións de solidariedade internacional, de protección do medio ambiente e para a promoción e servizos ás persoas maiores.
- En once localidades das catro provincias galegas, a Obra Social conta con 25 sedes permanentes nas que se desenvolven unha gran parte das súas actividades socioculturais: centros para maiores, centros infantís e xuvenís, edificios multiusos, salas de exposicións e conferencias, bibliotecas, centros de novas tecnoloxías, etc. Todos eles puntos de participación e encontro abertos á sociedade.
- Ademais das actividades anteriormente citadas, dende a Obra Social Caixa Galicia desenvolven proxectos encamiñados, por un lado, á dinamización do tecido empresarial da nosa Comunidade Autónoma e, por outro, ao fortalecemento do desenvolvemento económico nas áreas deprimidas a través de axudas especialmente convocadas para o fomento dos sectores produtivos (Programa Impulsa) dirixidas a todo o segmento empresarial: asociacións de empresas, de cooperativas, de centros especiais de emprego, de traballadores autónomos, así como as súas correspondentes federacións e confederacións, clústers sectoriais, denominacións de orixe, cámaras de comercio, etc.
- A través destes proxectos xéranse novas oportunidades para os diversos sectores empresariais, créanse foros para encontros e intercambios, así como para un mellor coñecemento do contorno e do mercado, ascendendo e formando o capital humano da empresa.