LICITACIÓNS PÚBLICAS INTERNACIONAIS: CARACTERÍSTICAS

Os principios que informan a contratación pública internacional promovida polos organismos multilaterais son:

  • Transparencia: principio esencial nos procedementos de licitación para conseguir economía, eficiencia e combater a fraude e a corrupción.
  • Economía e eficiencia: os contratos deben adxudicarse seguindo procedementos que garantan a concorrencia internacional de ofertantes, agás que outras formas de adxudicación sexan consideradas máis adecuadas de común acordo entre o organismo multilateral e o prestameiro, co obxectivo de obter economía e eficiencia.
  • Equidade: os procedementos de licitación deben garantirlles aos países membros un trato xusto e axeitado, e igualdade de oportunidades para que as súas empresas poidan competir polos contratos.

As características máis salientables e diferenciadoras das licitacións públicas internacionais poden resumirse nas seguintes consideracións:

  • Responsabilidade: a responsabilidade derivada da execución dun proxecto, e, polo tanto, da adxudicación, seguimento e fiscalización dos contratos que del resulten, é exclusivamente do prestameiro (país que recibe a axuda). O prestamista (organismo multilateral internacional) unicamente vixía que as regras de procedemento se cumpran.
  • Libre concorrencia: en termos xerais, os contratos de obra e subministración, e especialmente os primeiros, pola súa propia natureza, han de ser adxudicados no marco dun procedemento de licitación pública internacional. No entanto, existen outros procedementos dirixidos a favorecer o principio de máxima economía, entre os que se atopan a contratación directa ou a comparación de prezos.
  • Regra de orixe: tanto os licitadores, é dicir, as empresas, como os produtos ou servizos que se ofrecen, deben ser orixinarios dos países beneficiarios (prestameiros no caso das IFMD) ou proceder de países pertencentes ás institucións doadoras (prestamistas).
  • Publicidade: as adquisicións e licitacións publícanse en medios de comunicación, tanto dos países beneficiarios coma dos organismos doadores.
  • Preferencias rexionais e nacionais: na maior parte dos casos, outórgase unha marxe de preferencia para as ofertas que procedan de empresas nacionais do país do prestameiro ou que se executen con recursos orixinarios deste. Deste xeito, preténdese favorecer os participantes dos países en vías de desenvolvemento membros que presentasen ofertas de bens fabricados no país do prestameiro, incorporando materias primas, man de obra e compoñentes procedentes deste, coa finalidade de facer as súas ofertas máis competitivas.
  • Concorrencia competitiva: a axencia executora debe adxudicarlle o contrato ao ofertante que reúna os requisitos apropiados en canto a capacidade e recursos, e cuxa oferta responda substancialmente aos requisitos esixidos nos documentos de licitación, representando o custo avaliado máis baixo. Acostúmase escoller polo tanto a oferta máis competitiva.