LICITACIÓNS PÚBLICAS INTERNACIONAIS
- Para a adxudicación dos contratos de consultora, as adquisicións de bens ou a construción de obras que é preciso acometer para executar os proxectos financiados polos organismos multilaterais de desenvolvemento, acódese en certos casos a procedementos de licitación. Estes procedementos de adxudicación poden ter un carácter privado, invitando expresamente determinadas empresas, sen utilizar un anuncio público, ou ben un carácter público. Dentro destes últimos, distínguense as licitacións públicas restrinxidas ao ámbito local, circunscritas unicamente ás empresas nacionais dos países prestamistas, das licitacións públicas internacionais, que son aquelas nas que se permite a participación tanto de empresas nacionais coma estranxeiras.
- As licitacións públicas internacionais son procedementos formais dirixidos a adquirir un ben, construír unha obra ou recibir un servizo por medio dos cales as axencias executoras (xeralmente gobernos ou outras administracións públicas) solicitan publicamente, reciben e avalían con criterios obxectivos e coñecidos ofertas, adxudicándolle o correspondente contrato ao licitador que presente a proposta máis vantaxosa.
- Os procedementos de licitación son similares entre os diferentes organismos internacionais e caracterízanse porque neles a responsabilidade da execución dun proxecto é do prestameiro (país destinatario do proxecto) fronte ao prestamista (organismo internacional), que debe velar polo respecto escrupuloso das regras do procedemento.
- Nas licitacións promovidas polas institucións financeiras multilaterais de desenvolvemento e os organismos multilaterais de desenvolvemento, consideraranse elixibles, ademais de polo cumprimento dos requisitos propios de cada contrato, as ofertas presentadas por empresas situadas en países membros das devanditas organizacións, sexan estes países prestameiros (receptores de fondos) ou non prestamistas (doadores de fondos). As nosas empresas, ao ser España país membro non prestameiro das principais institucións e organismos MD, poden concorrer en tales licitacións internacionais.
- Igual que acontece nos procedementos de contratación pública existentes nos diferentes ámbitos nacionais, tamén neste campo se fai preciso cumprir unha serie de requisitos xurídicos, técnicos e económicos ben definidos nos pregos de prescricións técnicas e administrativas, que han de acreditarse documentalmente. Ademais, deben presentarse propostas de contido técnico que abrangan aspectos que van máis alá dos puramente económicos, sendo preciso garantir o mantemento das propostas e o cumprimento dos contratos. Os contratos que son adxudicados por medio de procedementos de concurso público internacional esíxenlles ás empresas un extra de actividade en determinados aspectos con relación ás operacións de exportación convencionais que se realizan entre dúas entidades privadas. Estamos ante unha modalidade de internacionalización que sitúa a empresa ante un novo cliente, que se rexe por unhas normas específicas e que conta con procedementos ben definidos de como actuar en materia de contratación.
- No ámbito de licitacións internacionais, os contratos aos que se fai referencia atópanse divididos en tres grandes modalidades, cada unha das cales conta coas súas regras específicas de funcionamento:
- Obra: construción de obra civil de todo tipo.
- Subministración: adquisición de bens de todo tipo.
- Servizos: realización de estudos de viabilidade, estudos técnicos detallados, estudos de impacto ambiental, control e seguimento de obras, asistencias técnicas, etc.
- Sinalar por último que o mercado das licitacións a nivel mundial alcanza anualmente unha cifra de aproximadamente 89.000 millóns de dólares