LICITACIÓNS PÚBLICAS INTERNACIONAIS: FASES
O proceso de licitación de cada organismo ou país non é idéntico, se ben existe un denominador común no procedemento de adquisición que implica a licitación pública internacional e que pode esquematizarse nas seguintes fases:
1. Invitación formulada publicamente e dirixida a todos os posibles interesados para presentar propostas.
- Por medio da publicidade, preténdese alcanzar nos procedementos de licitación pública internacional a participación máis ampla posible de licitadores, co propósito último de conseguir a proposta que se axuste ás especificacións do contrato ao mellor prezo posible. A notificación a tempo das oportunidades para licitar é fundamental nos procedementos competitivos que inclúan adquisicións por medio de licitación pública internacional.
- O organismo ou institución financiadora inserirá normalmente un aviso xeral de adquisicións no sitio de internet de United Nations Development Business (UNDB online) e no do propio financiador. Este anuncio debe conter información referente ao organismo contratante, o importe e finalidade do proxecto, a magnitude das adquisicións que haxa que efectuar conforme á licitación pública internacional e o nome, o teléfono e o enderezo do organismo do prestameiro encargado das adquisicións, incluído o enderezo do sitio de internet onde os avisos de adquisicións estean dispoñibles. Cando estas se coñezan, débense indicar as datas nas que os interesados poden obter os documentos de precualificación ou de licitación.
- Os chamados (invitación) a precualificación ou a licitación, segundo sexa o caso, deben publicarse como anuncios específicos de adquisicións polo menos nun xornal de circulación nacional no país do organismo contratante ou na gaceta oficial (se se atopa dispoñible en internet), ou nun portal único electrónico de libre acceso onde o país publique todas as súas oportunidades de negocio. Estes convites deben tamén publicarse nos sitios de internet do UNDB online e do financiador.
- A notificación debe efectuarse con antelación abonda para que os posibles ofertantes poidan obter os documentos de precualificación ou licitación e preparar e presentar as súas ofertas.
2. Preselección de ofertantes.
- A preselección é o procedemento que utilizan a maior parte das IFMAD (organismos multilaterais ou institucións financeiras multilaterais de axuda ao desenvolvemento) e das unidades executoras de proxectos para limitar o número de empresas ás que invitan a presentar ofertas nun concurso público. Trátase de seleccionar aquelas empresas que teñan a experiencia e capacidade máis axeitadas para afrontar un determinado proxecto. Así, as empresas interesadas en ser invitadas a concursar deben demostrar nesta fase que a súa experiencia e capacidade as fan especialmente indicadas para o proxecto.
- Con carácter xeral, a preselección é necesaria nos casos de obras de magnitude ou de complexidade considerable, ou en calquera outra circunstancia na que o alto custo da preparación de ofertas detalladas puidese desalentar a competencia. Isto tamén asegura que as invitacións a participar na licitación se envíen soamente aos que conten coa capacidade e os recursos necesarios. A precualificación debe basearse unicamente na capacidade e recursos dos posibles ofertantes para executar satisfactoriamente o contrato de que se trate, tendo en conta:
- a experiencia e cumprimento anterior en contratos similares.
- a capacidade en materia de persoal, equipo e instalacións de construción ou fabricación.
- a situación financeira da firma.
- A invitación á preselección para a licitación de contratos específicos débese publicar e notificar. Aos interesados que respondan á invitación débeselles enviar unha descrición do alcance do contrato e unha clara definición dos requisitos necesarios para a precualificación. A todos os solicitantes que reúnan os requisitos especificados permitiráselles presentarse á licitación. O organismo contratante debe comunicar os resultados da precualificación a todos os peticionarios. Tan pronto como a precualificación rematase, os documentos de licitación deben ser postos á disposición dos posibles ofertantes cualificados.
- A información para a precualificación proporcionada polos interesados debe ser confirmada no momento da adxudicación do contrato. Poderáselle negar a un ofertante a adxudicación do contrato cando se xulgue que este xa non conta coa capacidade ou os recursos necesarios para executar o contrato satisfactoriamente.
- Indicar finalmente que os procedementos de preselección varían sensiblemente entre unhas institucións e outras.
3. Etapa de avaliación e comparación das ofertas.
- Para poder seleccionar o licitador máis conveniente, avaliando e comparando as ofertas, é necesario que as propostas sexan comparables en todos os termos e sobre todo no prezo, que se rexerá, xeralmente, polo termo de INCOTERMS especificado nos documentos de licitación. Sumaranse a estes os prezos de toda instalación, capacitación, posta en marcha e outros servizos similares que se requiran.
- O órgano contratante debe dilucidar se:
- Os ofertantes non están incursos en ningunha prohibición para contratar.
- As ofertas están debidamente asinadas.
- As ofertas están acompañadas das súas garantías de mantemento.
- As ofertas cumpren substancialmente os requisitos especificados nos documentos de licitación se atopan, en xeral, en orde.
- Se unha oferta non se axusta substancialmente aos requisitos non se seguirá considerando. Unha vez abertas as ofertas, non se permitirá que o ofertante corrixa ou elimine as desviacións substanciais ou as reservas que formulase, salvo as referidas a corrección de erros aritméticos ou aqueles axustes respecto de calquera desviación ou reserva non significativa.
- A avaliación das ofertas ten por obxecto determinar o custo de cada unha delas para o órgano executor, de maneira que permita comparalas sobre a base do custo avaliado de cada unha. O órgano executor, se non houbese precualificación de ofertantes, debe determinar previamente se o ofertante cuxa oferta foi considerada como a avaliada máis baixa conta coa capacidade e os recursos financeiros necesarios para executar satisfactoriamente o contrato.
- A oferta que resulte co custo avaliado máis baixo, sen que sexa necesariamente aquela cuxo prezo avaliado sexa o máis baixo -concurso-, debe ser seleccionada para a adxudicación.
- O órgano executor preparará un informe detallado sobre a avaliación e comparación das ofertas no cal explique as razóns específicas nas que se basea a recomendación para a adxudicación do contrato.
4. Adxudicación e sinatura do contrato correspondente.
O órgano executor debe adxudicarlle o contrato, dentro do período de validez das ofertas, ao ofertante que reúna os requisitos apropiados en canto a capacidade e recursos e cuxa oferta:
- Responda substancialmente aos requisitos esixidos nos documentos de licitación -ofertante avaliado-. co custo máis baixo
- Represente o custo máis baixo avaliado -"oferta avaliada como a máis baixa"-.
A ningún ofertante se lle debe esixir, como condición para a adxudicación do contrato, que asuma responsabilidades por traballos que non fosen previstos nos documentos de licitación, ou que efectúe calquera modificación á oferta que presentou orixinalmente.