LICITACIÓNS INTERNACIONAIS

  • Unha empresa que aborde un proceso de internacionalización comezará, na maior parte dos casos, pola busca de clientes estranxeiros aos que vender os seus produtos ou servizos. Isto suporá un importante salto cualitativo con relación á actividade que previamente desenvolvía nos mercados locais. No entanto, todas estas operacións teñen lugar entre organizacións da mesma natureza, separadas por circunstancias xeográficas pero que, en última instancia, actúan nun idéntico plano de igualdade. Trátase de empresas que teñen como clientes outras empresas, en países distintos, pero que seguen procedementos de compra e venda moi similares aos seus.
  • Pola contra, cando unha empresa intenta abrirse camiño no mercado exterior acudindo ás licitacións internacionais, atópase cunha nova modalidade de cliente que precisa dun enfoque diferenciado e dun esforzo engadido: o cliente público. O potencial cliente non vai ser xa outro empresario, senón que a adxudicación do contrato por medio dunha licitación internacional vai depender, en boa medida, do persoal dos organismos multilaterais. Este elixirá, entre as propostas dos distintos competidores internacionais, aquela que mellor cumpra cos requisitos preestablecidos.
  • As licitacións internacionais son mecanismos por medio dos cales os organismos e as institucións multilaterais de desenvolvemento poñen en práctica as súas políticas de cooperación cos países menos favorecidos nos que despregan as súas actuacións. Todas estas organizacións multilaterais reciben fondos dos países desenvolvidos que as integran, para levar a cabo, en colaboración coas axencias executoras dos estados beneficiarios, os proxectos de cooperación que teñen como obxectivo axudar a reducir a pobreza e a alcanzar un desenvolvemento sostible.
  • Para garantir a transparencia, a libre concorrencia e a loita contra prácticas fraudulentas, os organismos e institucións multilaterais recorren á convocatoria de concursos para que todas aquelas empresas interesadas, nacionais dos países prestamistas ou prestameiros, presenten as súas ofertas libremente. Os principios de publicidade e concorrencia competitiva atópanse recollidos nas políticas de adquisicións de tales organismos. Ademais, a información relativa ás contratacións públicas internacionais atópase dispoñible nas páxinas web dos diferentes organismos, nas que estes anuncian os procedementos de adquisicións por eles promovidos dentro das súas áreas xeográficas de actuación, así como noutros medios especializados na materia.