LICITACIÓNS PÚBLICAS INTERNACIONAIS: DOCUMENTOS

Tamén chamados bases de licitación ou pregos de condicións. Determinan o obxecto do contrato, as súas condicións e as especificacións dos bens ou servizos que adquirir. No caso de determinados contratos, como por exemplo os de obras, é frecuente que se deba de pagar por eles. A información contida nos pregos de condicións resúmese nos seguintes puntos:

  • Prazo límite de presentación de ofertas: no caso de licitacións internacionais, o prazo non debe ser inferior a seis semanas con carácter xeral e a doce semanas para os contratos de obras (Banco Asiático de Desenvolvemento, Banco Mundial e Banco Interamericano de Desenvolvemento).
  • Idioma de traballo: na maior parte das ocasións, as ofertas deben ser presentadas en inglés ou francés, sendo admitido tamén o castelán no caso do Banco Interamericano de Desenvolvemento.
  • Especificacións técnicas: documento onde a axencia executora establece as súas esixencias con respecto ao ben ou servizo que contratar.
  • Establecemento dos prezos: nos documentos de licitación débense establecer os termos nos que os prezos se han de formular nas ofertas (FOB, EXW, etc.).
  • Oferta: as empresas que concorran á licitación pública internacional deben presentar a súa oferta empregando para iso os modelos establecidos polos organismos multilaterais.
  • Moeda da oferta e moeda de pagamento: varían dunha entidade a outra. Para a valoración das ofertas adóitase indicar que estas aparezan referidas nas moedas nacionais dos países beneficiarios. Polo que se refire ás moedas de pagamento, empregaranse moedas de uso internacional ou a do país do adxudicatario do contrato.
  • Formas de pagamento: as modalidades de pagamento tamén variarán en función dos tipos de contrato e do organismo de que se trate.
  • Transportes e seguros: o prego establecerá por conta de quen corren.
  • Garantías e avais: nalgúns contratos, especialmente nos de obra, solicítanse garantías provisionais no momento de presentación da oferta (garantías de seriedade) e garantías de cara a asegurar a súa execución (garantías de cumprimento). A finalidade das primeiras é avalar a seriedade das propostas presentadas polos licitadores, respondendo ante a eventualidade de que estes decidan retirar as súas ofertas unha vez iniciado o procedemento, e garantir a observancia dos requisitos técnicos establecidos nos pregos de condicións e a execución do contrato conforme a estes no segundo dos supostos.
  • División dos contratos e establecemento de lotes: igual que sucede na licitación pública nacional, é común dividir, sobre todo os contratos de subministracións, en varios lotes homoxéneos, pero cun valor o suficientemente interesante como para que as empresas concorran, garantindo así unha maior competencia.
  • Preferencias rexionais e nacionais: en caso de que se conceda unha marxe de preferencia para as ofertas procedentes de países prestameiros, os documentos de licitación deben indicar cal é este para as ofertas nacionais e que información será esixida para determinar que unha oferta cumpre os requisitos necesarios para obter a devandita cualificación. O mecanismo pode consistir, por exemplo, en incorporar unha suma igual ao 15% do prezo CIP proposto ás ofertas de bens fabricados no estranxeiro durante a fase de avaliación do proceso.
  • Avaliación: unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos de orde administrativa e técnica recollidos nos documentos de licitación, o prestameiro adxudicará o contrato á oferta que cumpra cos requisitos esixidos nos documentos de licitación e represente o custo avaliado máis baixo. Nos documentos de licitación deben especificarse por tanto os factores que, ademais do prezo, han de considerarse na avaliación das ofertas, e o xeito en que estes han de aplicarse co fin de determinar a oferta avaliada como a máis baixa.