OS ORGANISMOS MULTILATERAIS DE DESENVOLVEMENTO: QUE SON?

Ao longo dos últimos anos, o peso dos organismos multilaterais de desenvolvemento (OMD) creceu de forma significativa. Constitúen un compoñente básico do sistema de cooperación ao desenvolvemento. Iso é así porque moitos dos retos a curto e medio prazo que se formula a comunidade internacional serán dificilmente realizables sen a súa participación. Entre as súas achegas, ata o momento, cabe atribuírlles as seguintes (1):

  • En primeiro lugar, propiciaron unha moi relevante actividade normativa, de elaboración de principios, prioridades e obxectivos no campo da axuda ao desenvolvemento, válidos para o conxunto da comunidade internacional.
  • En segundo lugar, favoreceron o diálogo internacional e estimularon os procesos de consulta e interlocución para a resolución de conflitos ou para o tratamento de problemas dificilmente abordables dende un marco estritamente bilateral.
  • En terceiro lugar, achegaron a súa capacidade de mobilización de recursos económicos, que é superior á de calquera doador en particular.
  • Por último, algunhas institucións despregaron un decisivo labor de coordinación dos doadores, que en moitos países receptores resulta unha condición necesaria para o éxito da cooperación internacional.Estes organismos poden ser de dous tipos: non financeiros ou financeiros.

1. Organismos internacionais non financeiros:

Dentro deste grupo acóllense tres tipos de institucións con obxectivos e natureza diversa: axencias especializadas, fondos e programas, e institucións orientadas á axuda humanitaria. A maioría deles intégranse no sistema das Nacións Unidas.

  • As axencias especializadas teñen como obxectivo prestar asistencia técnica aos países en desenvolvemento en campos temáticos definidos e fináncianse coas achegas preceptivas dos seus países membros e con achegas voluntarias que estes fagan para financiar accións específicas ou programas convidos.
  • Os programas e fondos son financiados exclusivamente con achegas voluntarias e están suxeitos á autoridade do principal órgano de decisión das Nacións Unidas: a súa Asemblea Xeral.
  • Por último, as organizacións de asistencia humanitaria, financiadas por Nacións Unidas e por cotas voluntarias dos países membros teñen como obxectivo apoiar, fundamentalmente, grupos humanos en situación crítica derivada de guerras ou desastres naturais.

A relación de organismos de carácter non financeiro non se esgota, evidentemente, cos que se acollen baixo o sistema de Nacións Unidas. Existen toda unha serie de organizacións privadas ou públicas de carácter sectorial ou rexional.

2. Institucións financeiras multilaterais.

O sistema de institucións financeiras multilaterais está composto por tres tipos de instancias que debemos distinguir: os bancos de desenvolvemento e os fondos especiais de desenvolvemento e as institucións dedicadas ao desenvolvemento do sector privado. Trátase de institucións vinculadas, pero que teñen obxectivos, formas de financiamento e xeitos de funcionamento diferentes.

  • Os bancos de desenvolvemento teñen por misión proporcionar capitais aos países prestamistas que os conforman, co obxecto de que poidan acometer proxectos de desenvolvemento. Polo tanto, estes organismos operan concedendo empréstitos que financian no mercado de capitais, poñendo en xogo, como mecanismo de garantía, o importante activo que se deriva do capital subscrito polos países membros.
  • Pola súa banda, os fondos especiais operan a través de doazóns e créditos brandos, dirixidos aos países máis pobres, e fináncianse principalmente tanto con cargo ás dotacións achegadas polos países doadores –as reposicións–, normalmente durante períodos de tres anos, como a unha parte dos beneficios que obteñen os bancos de desenvolvemento.

Por último, todas as IFM incorporaron a función de apoiar o desenvolvemento do sector privado como un elemento importante na estratexia de desenvolvemento económico dos países emerxentes. Estas institucións de apoio ao sector privado, a diferenza dos bancos de desenvolvemento ou dos fondos especiais (que prestan directamente aos gobernos ou a proxectos con garantía pública), teñen como garantía principal a súa propia rendibilidade. Os instrumentos máis utilizados son créditos, garantías e tomas de participación no capital. Ademais, xogan un papel importante ao involucrar investidores privados e entidades financeiras dos países desenvolvidos no financiamento de proxectos de investimento privado.

 

(1) José Antonio Alonso y otros; “Estrategia para la cooperación española”, pag. 125 y ss.