OS ORGANISMOS MULTILATERAIS DE DESENVOLVEMENTO: FUNCIONAMENTO

Os OMD operan a través de diversos instrumentos. Entre eles inclúense a cooperación económica, a axuda financeira, a asistencia técnica, a cooperación científica e tecnolóxica, a axuda alimentaria e a axuda humanitaria e de emerxencia aos países menos desenvolvidos.

  • A cooperación económica constitúe un instrumento de fortalecemento do sector produtivo (sobre todo, a través de axuda directa á empresa privada para mellorar a súa competitividade), apoio financeiro para o desenvolvemento de proxectos de investimento e empresas conxuntas (de países doadores e prestameiros da axuda), de creación de infraestruturas de apoio ao citado sector, de transferencia de tecnoloxía, e de apoio técnico para desenvolver procesos de reforma económica. 
  • A axuda financeira materialízase a través de mecanismos diversos: o apoio ao orzamento do Estado do país prestameiro, capital de investimento para actividades produtivas, garantías de investimento que atraian o investimento estranxeiro, operacións de conversión, troco ou condonación de débeda externa, liñas de crédito preferencial para a importación de bens e servizos.
  • A asistencia técnica pretende desenvolver capacidades técnicas e de xestión para que o país prestameiro sexa o líder do seu propio desenvolvemento.
  • A cooperación científica e tecnolóxica pretende promover a creación ou o fortalecemento das tecnoloxías do país receptor.
  • A axuda alimentaria materialízase ben a través da doazón directa de alimentos, ben a través de liñas de crédito concesional (mellores condicións que no mercado) ou axuda non reembolsable. Facilítase en situacións de emerxencia ou de desabastecemento dos mercados.
  • A axuda humanitaria e de urxencia é a resposta que se ofrece ante situacións de emerxencia, como desastres naturais, epidemias ou conflitos armados. Ten carácter excepcional, motivo polo que non pode utilizarse como solución desta problemática a medio e longo prazo.

    Existe un consenso xeneralizado sobre o enfoque pragmático do papel da IFM. Os elementos esenciais deste enfoque son os seguintes (Martín Acebes, Angel; “España en las Instituciones Financieras Multilaterales”; Economía y Cooperación al Desarrollo, nº. 778, pags: 153-155.2):

  • A eficacia da cooperación financeira depende estreitamente da eficacia da xestión económica no país receptor e de que funcionen axeitadamente os instrumentos da política económica.

  • Contar con institucións sólidas de goberno corporativo, de supervisión financeira, etc., que garantan a estabilidade do sistema.

  • Adaptabilidade dos programas de axuda ás condicións de cada país.

  • Fortalecemento das políticas e das institucións que subministran os servizos que financian as IFM.

  • Canalizar os fluxos financeiros privados, así como mobilizar investidores privados e entidades financeiras en programas de desenvolvemento.

  • Superar a formulación reducionista de considerar a cooperación ao desenvolvemento como un tema entre o goberno receptor da axuda e a IFM, e establecer un novo esquema que pase por lograr unha alianza máis ampla entre os países doadores, os gobernos, os axentes económicos e a sociedade civil.

    Á marxe deste enfoque básico, nos últimos anos os cambios experimentados polo sistema financeiro internacional esixiron que as IFM revisasen o seu papel no sistema financeiro global, que finalmente se plasmou nunha estratexia a medio prazo cuxos piares básicos son os seguintes (Vegara Figueras, David; “La agenda española en política de financiación internacional”; Boletín Económico del ICE, nº827, pags. 197-199.):

  • Conseguir unha supervisión máis eficiente, recollendo nesta aspectos globais, rexionais e nacionais, así como integrando aspectos reais, financeiros e de tipo de cambio.

  • Reformular a gama de instrumentos financeiros e de asistencia técnica para que tanto economías emerxentes coma países en desenvolvemento poidan atopar os máis apropiados ás súas necesidades particulares.

  • Retomar o enfoque do crecemento como elemento central das súas políticas cara aos países de baixos ingresos en detrimento dun enfoque centrado exclusivamente na redistribución como instrumento esencial para a redución da pobreza. Así, o crecemento, e, máis concretamente, as políticas de provisión e mellora das infraestruturas, pasaron a tornarse vitais para a consecución tanto das políticas de distribución coma das medidas de redución da pobreza.

  • Mellorar a eficacia da axuda mediante unha mellor coordinación con outros axentes doadores (especialmente, doadores oficiais bilaterais) e aumentar a participación dos países receptores no deseño das estratexias de redución da pobreza, a partir do que se deu en coñecer como ownership.

  • Lograr unha máxima complementariedade entre os programas de redución da pobreza, programas financeiros de estabilización macroeconómica e volumes e composición da débeda externa.

  • Atopar a combinación entre empréstitos e doazóns que mellor se adapte á realidade macroeconómica e financeira dos países receptores, ao tempo que se eviten potenciais incentivos ao sobreendebedamento ou as políticas macroeconómicas que poidan ameazar a capacidade de crecemento a medio prazo.