OPORTUNIDADES DE NEGOCIO DERIVADAS DOS OMD
- As operacións promovidas polos organismos multilaterais de desenvolvemento constitúen un mercado emerxente e global no que as empresas han de competir con outras nun ámbito altamente especializado e selectivo, no cal unicamente as organizacións mellor preparadas e adaptadas conseguen os seus obxectivos. Trátase dun rico mercado potencial, enorme en canto ás súas dimensións, no cal se pon de relevancia cunha grande intensidade o proceso de globalización mundial no que nos atopamos inmersos. É posible atopar empresas adxudicatarias de contratos financiados por organismos multilaterais procedentes de países diferentes daquel no que han de executarse, ou mesmo orixinarios de áreas xeográficas totalmente distintas das propias de actuación da entidade adxudicataria.
- A única regra válida e que podería supoñer unha limitación certa sería a non pertenza da empresa nin a un país prestamista nin a un país prestameiro. Esta condición non se cumpre para o caso de España, ao estar esta integrada na totalidade de organismos e institucións multilaterais de desenvolvemento como país prestamista. Ademais, este mercado caracterízase porque moitos contratos son obtidos por empresas pertencentes a países que non son as primeiras potencias mundiais.
- A empresa que se internacionaliza benefíciase das vantaxes que lle poidan reportar as súas vendas no estranxeiro, que non han de cifrarse unicamente en termos económicos. Así, poderá incrementar o número de clientes, mellorar a súa produtividade, diversificar riscos, recibir axudas públicas vinculadas ás exportacións, aumentar a formación e a preparación do persoal interno, mellorar a súa imaxe de marca, etc
- Gañar concursos públicos no estranxeiro precisa dun comportamento activo por parte das empresas. Atopámonos ante unha das formas de internacionalización que require dunha implicación empresarial máis intensa. Esta implicación vai dende a identificación dos mercados aos que se dirixir, ata a realización de visitas, tanto aos organismos promotores coma ás axencias executoras dos contratos, coa finalidade de presentar o produto ou servizo e demostrar que son idóneos para satisfacer todas as condicións requiridas pola licitación pública. Non se ha de esquecer que se trata de operacións, gran parte das veces, a tres bandas, nas que as empresas han de seducir tanto a institución financiadora do contrato coma a axencia ou organismo local encargado da súa adxudicación e posterior execución.
- A continuación reprodúcense algunhas das oportunidades asociadas ás diferentes entidades, en que fase do ciclo de vida dos proxectos xorden e para que tipo de empresas e en que prazo constitúen unha oportunidade:
Cando (fase do ciclo de proxecto)
Que tipo de oportunidade e para quen?
Quen?
Identificación
Curto prazo, consultores individuais
Organismos multilaterais
Preparación
Curto prazo, consultores individuais e empresas que licitan publicamente
Organismos multilaterais e axencias executoras
Análise e avaliación
Curto prazo, consultores individuais
Organismos multilaterais
Negociación
--
Organismos multilaterais e axencias executoras
Implementación e supervisión
Empresas que licitan publicamente (para aqueles importes que superen os límites establecidos para outros réximes de adxudicación polos diferentes organismos) na fase de execución e consultores individuais a curto prazo
Axencias executoras
Avaliación
Curto prazo, consultores individuais
Organismos multilaterais