LICITACIÓNS INTERNACIONAIS: OUTRAS FORMAS DE CONTRATACIÓN
Ademais da licitación pública internacional, existen outras formas de contratación no ámbito das institucións e organismos multilaterais.
- Licitacións internacionais limitadas (restrinxidas): son licitacións convocadas mediante invitación directa e sen anuncio público. Restrínxese a oferta a unha lista curta de provedores cualificados, seleccionados a partir de precualificacións, expresións de interese, bases de datos e outras fontes. Este procedemento utilízase cando a demanda é urxente ou se trata de produtos ou servizos de dispoñibilidade limitada. En determinados casos, para participar nun contrato de servizos é necesario estar previamente inscrito no rexistro de contratistas da axencia ou organismo que o promova (Rexistro DACÓN, DAta on CONsultant.).
- Licitación pública nacional (LPI): este método de licitación perfílase como o máis eficiente e económico en procedementos de adquisición que, por diversos motivos, probablemente non atraian competencia internacional.
- Comparación de prezos: tipo de licitación privada, tanto nacional coma internacional, axeitada para a adquisición de produtos ou servizos con especificacións estándar e de pouco valor xa dispoñibles no mercado, así como para obras pequenas e sinxelas.
- Contratación directa: neste tipo de contratación non existe a competencia, é un método polo que se contrata directamente unha empresa provedora. A utilización deste tipo de contratación vén xustificada en diversas circunstancias, como pode ser a existencia dun contrato previo que pode ampliarse para incluír subministracións de carácter similar, para compatibilizar subministracións xa existentes ou ben porque as subministracións requiridas posúen unha patente e só se poden obter dun provedor. Outra razón importante que empurra a utilizar este método de contratación é a urxencia que se deriva dunha catástrofe natural.
- Administración directa: se ben non é unha forma de contratación propiamente dita, cómpre mencionala ao ser utilizada tamén en casos de emerxencia que requiren atención inmediata ou noutras circunstancias que fan que a licitación pública non resulte recomendable. Este procedemento implica que o propio prestameiro executa obras ou determinados servizos utilizando o seu propio persoal e equipo. Esta forma emprégase cando non se poidan definir anticipadamente as cantidades de traballo que se van abranguer, se trate de obras pequenas e dispersas ou en localidades remotas para as que sexa improbable que as empresas de construción cualificadas presenten ofertas a prezo razoable, os traballos deban levarse a cabo sen interferir coas operacións que estean en marcha, o contratante poida asumir mellor que o contratista o risco dunha interrupción inevitable dos traballos ou se trate de emerxencias que requiran atención inmediata.
- Contratación baseada no desempeño: tamén chamada contratación baseada en resultados, refírese a procesos de contratación competitivos (LPI ou LPN) que resultan nunha relación contractual na que os pagamentos estean en función de resultados mensurables. As especificacións técnicas definen os resultados esperados e cales serán os elementos de medición e os parámetros que se deben utilizar para medilos. Os resultados que esperan obter deben satisfacer unha necesidade funcional en termos de calidade, cantidade e seguridade. O pagamento faise de acordo coa cantidade de resultados obtidos, suxeitos á entrega co nivel de calidade requirido. A contratación baseada no desempeño pode utilizarse para a subministración de servizos que serán pagados en función de resultados, o deseño, subministración, construción ou rehabilitación e concesión dunha instalación que vai ser utilizada polo contratante; o deseño, subministración, construción ou rehabilitación dunha instalación e a subministración de servizos para a súa operación e mantemento por un determinado número de anos, acordado posteriormente á súa posta en marcha.