PROXECTOS PAÍS
- Por medio deles articúlanse as estratexias de país. Adoitan revestir carácter sectorial e deles vanse derivar posteriormente as distintas licitacións.
- O financiamento dos proxectos esixe que estes se sometan a un rigoroso proceso de preparación, aprobación, execución e terminación e avaliación, coñecido como o ciclo do proxecto. Este procedemento constitúe unha garantía e unha valiosa fonte de información para as empresas galegas que queiran participar en futuras licitacións derivadas daqueles.
- A súa estrutura é a seguinte:
- Etapa de preparación: durante esta etapa, o país ou o propio organismo (dependendo da magnitude do proxecto) formalizan diversos tipos de contratos. Habitualmente, os devanditos contratos son de consultora e, máis concretamente, estudos de enxeñería e deseño, estudos de viabilidade, avaliacións ambientais, institucionais e doutra índole, e análise de proxecto. En ocasións, poden xurdir casos de adquisicións por adiantado durante esta fase do proxecto, pero frecuentemente trátase de adquisicións de escala e alcance moi reducidos. Esta etapa consta de catro fases:
- Fase de identificación do proxecto: esta primeira fase engloba a identificación de proxectos apropiados para as prioridades do país e a súa estratexia de desenvolvemento, así como os adecuados para recibir o soporte da OMD. Tanto o organismo coma o país prestameiro participan nesta fase, que habitualmente dura entre 12 e 18 meses. A miúdo son requiridos servizos de consultora, en forma de estudos de previabilidade.
- Fase de orientación/Preparación do proxecto: unha vez que o proxecto está xa en curso (coñecido habitualmente como "pipeline"), é estudado e definido con maior profundidade polo país prestameiro e polo persoal técnico do organismo. Neste estado do proxecto son habituais os estudos de viabilidade e deseño detallado de proxectos. Esta fase pode prolongarse entre 1 e 2 anos, e malia ser responsabilidade do país prestameiro, os consultores poden ser contratados tanto polo organismo coma pola axencia executora.
- Fase de análise/avaliación do proxecto: o persoal do organismo realiza unha exhaustiva avaliación dos aspectos técnicos, ambientais, financeiros e económicos do proxecto. Esta fase é competencia exclusiva do organismo e dura entre 3 e 6 meses.
- Fase de negociación: o organismo e o prestameiro negocian o acordo de empréstito e os plans de implementación do proxecto. As negociacións duran un ou dous meses, tras os cales o Informe de avaliación e os documentos de empréstito se dirixen ao órgano correspondente da IFMD para a súa aprobación. O empréstito faise efectivo só tras ser asinado polo país e baixo outras formalidades, xeralmente entre os dous e os catro meses posteriores á súa aprobación.
- Etapa de aprobación: a etapa de preparación remata coa creación e aprobación dunha proposta de empréstito, ou dun plan de operacións (cando se trata de proxectos de cooperación técnica). Ambos os dous conteñen unha minuciosa descrición dos obxectivos, actividades e orzamento, plan e prazo de implementación, riscos e impactos sociais e ambientais que poidan esperar, axencia a cargo da implementación do proxecto, etc. O país prestameiro prepara o plan de adquisicións, que contén unha breve descrición das previstas no proxecto para os 18 meses seguintes, o orzamento estimado para as diversas ofertas de licitación, a fonte de financiamento e o método de adquisición para cada licitación, a data estimada para o primeiro aviso de licitación ou precualificación (se fose pertinente) e o estado da adquisición. Todo iso constitúe en si mesmo unha excelente oportunidade para que as empresas galegas coñezan de antemán as oportunidades que se lles brindan.
- Etapa de execución: durante esta etapa poden contratarse servizos de consultora, adquirir bens e equipos e executar obras civís. Se ben é o prestameiro quen licita estas contratacións, o banco supervisará o proceso co fin de garantir que o proxecto se axuste ao calendario establecido e se respecten os seus procedementos de adquisición. Polo xeral, será a representación do banco no país prestameiro quen supervise o proxecto de acordo coas instrucións derivadas da proposta de empréstito e do contrato respectivo.
- Etapa de avaliación: consiste na avaliación por parte do organismo do proxecto e dos resultados obtidos. Ten lugar unha vez que o proxecto concluíu e todos os fondos foron desembolsados. Normalmente, esta fase finaliza nun prazo de 6 meses.